martes, 19 de abril de 2011

Xosé María Rei Lourido Músico e Compositor de Negreira

Xosé María Rei Lourido
Hoxe traemos ata a casa barcalesa do punto es, a figura descoñecida para moitos de José María Rey Lourido (1905-1984), músico barcalés nado na enxebre parroquia de Portor e emigrante durante vinte e catro anos na Cuba amparadora de comenzos do século XX.

Foi José María un meritorio músico barcalés, militar e civil, que amosou certa virtuosidade na dificil interpretación do Bombardino, instrumento do que presumía de ser quen de sacarlle duas notas ó mesmo tempo así como, xa de volta nas terriñas de barcala, exitoso director da "Orquesta Rey", paradigma das xenuínas orquestas que con profusión e talento, ateigaban coas suas festeiras tonalidades as verbenas e alboradas barcalesas.

No seu imprescindible libro "Son para a Unión Barcalesa de la Habana" (Ed. tresCtres, ano 2007), o profesor, escritor, historiador e intelectual barcalés X.Amancio Liñares Giraut, a modo de fermoso apéndice, achégase mediante unha estupenda homenaxe-retrato, á figura de José María Rey Lourido, redescubrindo a sua biografía na conversa que alá polo ano 1983 mantivera co músico barcalés.

Nesta idea de facer patria recollendo a historia que de nosa nos pertence, Amancio Liñares pudo tamén rescatar duas fermosas partituras que José María Rey Lourido compusera nas "Américas" namentres permanecía accesible ás ricas influencias da música cubana, dando como froito unhas pezas que son arte musical de ritmos cubanos, pensados e tamizados na cabeza dun barcalés.

Nesta teima de popularizar os episodios e persoeiros relevantes da nosa bisbarra, valdebarcala.es tivo acceso a unhas grabacións que preparou o profesor e músico Modesto Refojo, do IES Terra de Xallas, que coa base nas partituras, tivo a ben inmortalizar en formato dixital a música pensada por José María Rey Lourido.

Coa música grabada, Valdebarcala.es, en colaboración con X. Amancio Liñares Giraut, elaborou uns videos que amosan as duas fotos ás que tivemos acceso do artista barcalés (a de José María na sua ancianidade, disparado por Xurxo Lobato) así coma as partituras de referencia.

Facémolo coa intención de perpetuar e facer memoria dun pioneiro musicólogo da nosa terra. Déixámosvos pois coas mencionadas pezas para que servan tamén coma homenaxe e lembranza de José María Rey Lourido, un músico barcalés do século XX.

http://www.valdebarcala.es/index.php?id_noticia=1&fecha_noticia=20100113
A plataforma Máis Música recupera pezas inéditas do compositor negreirés Rei Lourido

08/03/10. Membros da Plataforma MÁIS MÚSICA, na idea de seguir creando conciencia sobre a importancia das manifestacións musicais da nosa comarca e querendo dar a coñecer o meritorio labor dos nosos músicos, están levando adiante a recuperación e difusión das composicións de José María Rey Lourido (1905-1984).

Este músico natural da parroquia de Portor (Negreira), deixounos como legado artístico unha interesante obra –ben valorada por diversos musicólogos, a quen se lles pediu a súa opinión sobre o tema–, en forma de partituras manuscritas. Varias delas son inéditas, e outras foran reproducidas en discos ou interpretadas por bandas e orquestras nas décadas centrais do século XX.

Despois da recuperación das melodías “Mi guajira” e “Punto cubano” –realizada polo profesor do IES Terra de Xallas, Modesto Refojo en 2007–, continúa agora con este labor de dar a coñecer a música de Rey Lourido o director da Banda de Música Ateneo de Negreira e da Escola Municipal de Música, Raúl Martín Niñerola, recentemente galardoado no ámbito galego pola obra da súa autoría titulada “A revolta Irmandiña”.


Raúl Martín está facendo unha labor de copista a partir desas partituras orixinais e creando uns arquivos de audio, por medios informáticos, para a súa difusión en Internet, a través dos sitios web Val de Barcala e Concello de Negreira, así como polas ondas de Radio Negreira.






Adianto
E tamén está a traballar con outras creacións de Rey Lourido, instrumentándoas para incluír no repertorio da Banda Ateneo e facer a súa estrea en vindeiros concertos desta entidade musical. A este respecto Martín Niñerola ten apuntado que “estas pezas poden soar moi ben na banda, porque non é música difícil de tocar, tampouco o é de instrumentar e é moi agradable ó oído”.

Como adianto desta tarefa, Raúl Martín ofrécenos a recuperación das composicións de Rey tituladas “Vila de Negreira” (vals) e “Negreira-Santiago” (pasodobre).

Vila de Negreira PLAY (na ligazón pódese escoitar as duas pezas)
Negreira-Santiago PLAY

http://www.concellodenegreira.es/index.php?option=com_content&task=view&id=841&Itemid=334

No hay comentarios:

Publicar un comentario